Thursday 25 de April de 2024

Ames, Brión, Padrón e Santiago traballan na organización de novas actividades para promover a nova ruta “As Pegadas de Rosalía”


Un dos puntos tratados polos representantes dos concellos participantes nesta reunión foi preparar o expediente para que este itinerario sexa recoñecido como Ruta Cultural pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

Este pasado venres, 6 de abril, realizouse en Bertamiráns unha nova xuntanza na que participaron representantes dos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago de Compostela, así como da empresa Galicia es+, que puxeron en marcha no pasado mes de xaneiro a nova ruta “As Pegadas de Rosalía”. Este encontro serviu para facer unha avaliación do evento Rosalías da vida, así como da xuntanza mantida coa Directora Xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e co Xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez. Neste senso, analizáronse os requisitos necesarios para conseguir a declaración de ruta cultural.

Este encontro serviu para facer unha valoración do evento Rosalías da vida que se desenvolveu o pasado 26 de marzo na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, con motivo do Día Mundial de Prevención contra o Cancro Uterino, xa que foi precisamente desta enfermidade da que faleceu Rosalía de Castro, o 15 de xullo de 1885 aos 48 anos de idade.

Asemade, fíxose unha valoración da xuntanza mantida o pasado 22 de marzo coa Directora Xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e co Xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez. Cómpre lembrar que en dita reunión presentóuselle o devandito proxecto á Directora Xeral de Turismo de Galicia, aínda que xa o coñecía debido a que ela mesmo participou na presentación feita en Fitur, en Madrid, no pasado mes de xaneiro.

Un dos puntos tratados polos representantes dos concellos participantes nesta reunión foi preparar o expediente para que este itinerario sexa recoñecido como Ruta Cultural pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Por outra banda, falouse de diferentes posibilidades para continuar realizando accións de difusión e promoción das Pegadas de Rosalía. O evento máis inmediato desenvolverase o vindeiro sábado 5 de maio. Trátase dunha saída que organizan os catro concellos promotores na que se percorrerán distintos lugares deste itinerario.

Saída pola ruta o 5 de maio
A saída realizarase dende o Panteón de Galegos Ilustres, que se atopa na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, onde está soterrada a autora. Ofertaranse un total de 100 prazas (25 prazas para a veciñanza de cada un dos catro concellos) e incluirá visitas teatralizadas. Elaborarase un programa específico para esta saída, do cal se informará nas vindeiras semanas. Para achegarse ao punto de saída, un autobús pasará por Bertamiráns e outro polo Milladoiro.

Ademais, haberá que redeseñar e adaptar o material promocional de dita ruta para incluír a información relativa ao Concello de Santiago de Compostela, xa que este Concello adheriuse a esta iniciativa no pasado mes de marzo. Posteriormente, haberá que editar e imprimir dito material para continuar coa promoción desta ruta literaria.

Nesta xuntanza estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica e Turismo de Ames, Isabel González Cancela, e a concelleira de Cultura e Turismo de Padrón, Lorena Couso Dopazo, xunto cos técnicos/as de Ames, Sonia Moure; Brión, Alberto Álvarez; Padrón Alberto Rey; e de Santiago de Compostela, Carlos Mirás; así como dúas representantes da empresa Galicia es+, Minia Del Río e María Luísa Ferreiro, que colabora nesta iniciativa desde o inicio.